martes, 3 de julio de 2007

RUTA DE ALEXANDRE BOVEDA

Con motivo do centenario do seu nacemento o concello publicou unha ruta para lembrar a súa figura e apreciar os lugares da cidade que tiveron especial relevancia na súa vida e na historia política, social e cultural de Galicia. Unha serie de placas rectangulares cunha pirámide sobresaíndo márcannos os puntos.
O primeiro, como é lóxico, é a súa casa natal, na casa número 16 da rúa Barreira onde o lembra unha placa, ao mesmo que nos xardíns próximos, onde Buciños realiza unha alegoría simbolizada nun tronco de carballo tronzado pola metade.
Pola rúa Cervantes encamiñariámonos ata os xardíns do Posío onde se atopa a estatua dedicada a Lamas Carvajal. De regreso pola rúa Colón, na praza da Imprenta, outra escultura de Buciños inmortaliza ao compañeiro do Partido Galeguista: Castelao. E subindo ata a praza do Corrixidor aínda atopámonos cunha terceira obra do mesmo autor, escultura que, neste caso, representa a outro dos persoeiros fundamentais do galeguismo, como o foi Otero Pedrayo.
A nosa seguinte parada lévanos ata o Teatro Principal, porque Bóveda tamén salientaba na súa actividade cultural como integrante de corais, como a Coral de Ruada e o Orfeón Unión Orensana.
Na rúa Cardeal Quiroga estivo a sede do Partido Galeguista no que participou na súa fundación, militou e deu varias conferencias.
A seguinte placa esta no edificio de Facenda, lembrando que traballou nesta institución aínda que naquela data a súa sede era o actual edificio da deputación. Na rúa Santo Domingo situábase a sede da revista Nos.
No que é hoxe a Delegación de Defensa recibiu clases de debuxo cando era novo pois alí estaba o Círculo Católico. E seguindo coa súa faceta artística, no escenario dos salesianos actuou varias veces con teatro escolar.
Terminamos a ruta no campus universitario no que o escultor Fernando Blanco homenaxea á Xeración Nós.

3 comentarios:

Anónimo dijo...

Teremos que facer este recorrido...gracias por amosarnos a ruta.

Ourensano

Anónimo dijo...

Interesante...vamos a dar un paseo por nuestra ciudad.

Anónimo dijo...

Buena iniciativa cultural, ilustrar sobre esta ciudad. Gracias.