viernes, 22 de junio de 2007
AUTOBIOGRAFIA DE SANTIAGO PROL
Nacín ao pé do Xigante Durmido cando empezaba a caer a folla no outono de 1960. Daquela había moitos rapaces na nosa vila. Tiven unha infancia venturosa cun marco privilexiado. Sempre estabamos na rúa. As escapadas furtivas ao Castelo, ao río, ás cabanas, aos muíños e ás tobeiras formaron parte da nosa paisaxe máis acesa. Tamén as mestas nevadas da invernía co San Mamede e co Rodicio omnipresentes.Nun flash-back espiraliforme rememoramos contos do avó materno. Malla na eira. Colleita das patacas. Rechouchío de carros. Magosto. Matanza. Carambelo. Cheiro a carbón na forxa. Ferro ardente. Chumbo fundido. Primeiro Citroën na casa. Tintín na biblioteca. Tour de Francia no bar da Fina. “Bonanza” nas escaleiras do Toniño. Chegada á Lúa na tasca do Xulio. Todo en black and white. Spaguetti westerns no Cine Gayoso. “Oye como va” de Santana pola megafonía. Cucuruchos de maní no ambigú. Arrecendo a olivas no Casino. Cachombas polo Toural abaixo. Festas das Neves. Torneos triangulares. Batallas campais. Veráns abafantes. Piscinas atestadas. Balsas polo río. Guateques na Torre. Casa da Xuventude. Bob Dylan number one in the world. Bacharelato & COU nos Milagres. Partidos en Balaídos. Celta forever. Agrupación Cultural Os Cabaceiros. Primeiras eleccións. Mitins na feira. Aula 8 en Medicina. Ourense bretemoso. Escola de Maxisterio. Dyane 6 vermello. Cafés ao tute no Heriberto, callos no Delmiro. Orfeón Unión Orensana. Xiras. Vinilos. Tres LDs. Primeiros versos. Cartas ao director. Trauma familiar profundo. Vinicius de Moraes. Guerra das Malvinas. Fuxida cara adiante. Exilio en Compostela. Novela erótica truncada. Poemas en “Dorna”. Viva Nicaragua libre. Sexenio en dique seco. Viaxes por Europa. Regreso ao tunel intrauterino. Traballo trepidante. Recuperación da máscara do Entroido. Felos en prime time. Incursións na nosa memoria. Homenaxe a Benigno Álvarez. Semanario “A Nosa Terra”. Exposición “A mirada de transparencias cordiais”. Gómez Gayoso axit-prop. O perfil convexo da Otero. Centenario de Quiroga Palacios. Exposición fotográfica sobre o Cardeal na Igrexa das Neves. Aproximación inacabada a García Mosquera. Poemario “Alga e fungo”. Manuel Vidal exhumado. Ensaio “João da Nova, un mariño galego ao servicio da Coroa de Portugal”. Tamén “Conversas con Francisco Carballo”. Lisboa no coração. Expo-João “O descubridor galego do século XVI”. Pregón da Festa Medieval. Biografía “Xosé Lois Parente, poeta e galeguista na II República”. Hogano “Nobres vencellados ao Castelo de Maceda”. Afonso X en nómina. Varias asignaturas pendentes. Maceda como referente universal. Sempre.Santiago Prol
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
5 comentarios:
Recuperemos a los "grandes" de nuestra cultura.
Suerte!
Un ejemplo de su obra,para recordar o para descubrir...unos minutos...
"DOUS CAFÉS NEGROS
Cos ecos de Los formales y el frío
Mario Benedetti e Joan Manuel Serrat
nun acolledor e diminuto ático semiclandestino
nun barrio periférico da cidade
Inevitabelmente
Chegara ao apartamento
aquela tarde
moi convulsionado
moi aflixido
moi decepcionado
despois de saber
que ela desaparecería
unha longa tempada
Oprimíano as paredes
O cerebro estouráballe
Necesitaba respirar
o aire da cidade
Saíu á rúa
Perdeuse entre os estudiantes
que pululaban en todas direccións
con inmensos tochos fotocopiados
O contacto co balbordo
e o arrecendo do xentío
permitíulle esquecela alomenos
un de cada sete segundos
Orballaba
Un frío vexetal
penetrara mainamente
no seu corpo aterecido
Entrou nunha prestixiosa librería
Púxose a ler a biografía dun afamado economista
que xa
na terceira idade
atopara na narrativa a súa verdadeira vocación
Desprazouse logo á sección de Poesía
Unha moza de intensos ollos acastañados
pedíulle unha Antoloxía de Rimbaud
Cincocentas corenta páxinas
que descansaban no estante superior
Pasoulla
Intercambiaron temas relacionados
Mentres el facía que refollaba
o Inventario Dos de Benedetti
Fascinados pola conversa
e algunha que outra mirada delatora
invitáronse mutuamente nun snack bar próximo
Dous cafés negros inzados de complicidade
unha frase eloxiosa das mans del
outra de admiración desmedida sobre ela
foi todo o que precisaron para
tres horas despois
esculcarse ata a extenuación
no amplo e alfombrado salón dela
mentres soaba o batuqueo da choiva
-xa persistente-
no balcón
e remataban
no Pionner
os últimos compases
do Dark Side Of The Moon."
Acaba de sacar a la calle un nuevo libro: "Nobres vencellados ao castelo de Maceda", Más información sobre el libro la teneis en el Blog de Joao da Nova:
Http://www.blogoteca.com/joaodanova
NOBRES VENCELLADOS AO CASTELO DE MACEDA
Por Santiago Prol
Chega as librerias un novo libro do escritor e investigador Santiago Prol publicado pola editorial “Difusora de letras, artes e ideas”, máis de 250 páxinas nas que se recolle os nobres vencellados a Maceda e ao seu castelo na que o autor percorre, expón e nos achega a historia de Maceda dende as vivencias dos seus personaxes de máis nobreza. Como expón na contraportada do libro:
“Esta rigorosa achega abrangue aos nobres vencellados ao Castelo de Maceda máis egrexios que levaron o seu nome polo mundo adiante dende a Baixa Idade Media: María Fernández, a filla do conde de Traba. Afonso X o Sabio e o seu preceptor Garci Fernández. Pedro Iáñez de Nóvoa que fixo carreira política e militar dentro da Igrexa. Joâo da Nova, un galego universal, o máis relevante do século XVI. Xoán Iáñez de Nóvoa e o Panteón de Nóvoas Egrexios.
Outrosí o condado de Maceda (1654) que lle foi concedido a Alonso de Lanzós e Nóvoa. O III conde Joseph Benito de Lanzós e Nóvoa acadou a Grandeza de España de 1ª clase (1710). O seu primoxénito Antonio Pedro Nolasco chegou a gobernador de Madrid e vicerrei de Navarra. Unha condesa de Maceda está soterrada no que hogano conforma o Panteón de Galegos Ilustres. Baltasar Pardo de Figueroa, VIII conde de Maceda, finou na batalla de Medina de Rioseco (1808). Xoán Xosé caamaño Pardo, conde consorte de Maceda, foi un dos ilustrados de comezos do XIX en Galiza... A relevante nómina deste volume soborda o ámbito local. Unha aproximación necesaria que enche unha eiva da nosa memoria colectiva”.
Santiago Prol, unha dilatada carreira literaria
Santiago Prol naceu en Maceda en 1960. O seu libro “Nobres vencellados ao castelo de Maceda” acaba de sair ó mercado e está publicado pola editorial ourensá Difusora de Letras, Artes e Ideas.
Prol ten xa unha dilatada carreira literaria, pois ademáis de publicar en 1999 o poemario “Alga e fungo”, asina outros catros libros, entre os que se encontran “Xosé Lois Parente, poeta e galeguista na Segunda República” (2006) ou “Benigno Álvarez, un comunista na Galiza dos anos 30” (2008).
Tamén participou no libro colectivo “As caras do Entroido ourensán” (2008) e de feito é unha persoa que traballou moito pola recuperación do Felo, que é a máscara tradicional das terras de Maceda. Outra das facetas de Santiago Prol é a de comisario de exposicións, como a que organizou sobre o navegante e descubridor macedán Joao da Nova, e colabora con revistas como “Encrucillada” ou “Auria”.
Outros veciños ilustres de Maceda
No seu libro, Santiago Prol relata as peripecias doutros veciños ilustres da localidade ourensá, que está ós pés da serra de San Mamede.
Así, por exemplo, cóntase que Afonso X o Sabio pasou alomenos un ano da súa infancia nesta poboación, e que foi nela onde aprendeu o galego que posteriormente faría universal coas súas “Cantigas de Santa María”.
O profesor e escritor tamén se detén na figura de Joao da Nova, un mariño que rematou traballando para a Coroa portuguesa, e que descubriu por exemplo as illas Ascensión e Santa Elena, no Atlántico africano, a de Trindade, ou unha illa situada na canle de Mozambique que na actualidade se chama Juan da Nova Island, e que pertence a Francia.
Os nobres de Maceda acadaron unha enorme riqueza económica e tiñan moito poder político. De feito, Joseph Benito de Lanzós foi Grande de España, e Antonio Pedro Nolasco chegou a ser Gobernador de Madrid e Vicerrei de Navarra.
O castelo de Maceda é na actualidade un dos grandes reclamos turísticos deste concello, situado a 25 quilómetros de Ourense capital. Edificouse no século XI, e a súa misión consistía en protexer o Bispado dos ataques procedentes do sur.
Publicar un comentario