martes, 3 de julio de 2007

ALEXANDRE BOVEDA


INFÁNCIA E XUVENTUDE
Alexandre Bóveda Iglesias naceu en Ourense o 4 de xuño de 1903. Fai o primeiro ensino na Escola Normal e logo estuda no coléxio Villar de Ourense, onde fará a preparación de Perito Mercantil, estudos dos que se examinará na Escola de Comércio da Coruña.Afeccionado á música desde moi novo, aprende solfexo na Académia da Banda Municipal. Participa na Coral de Ruada e no Orfeón Unión Orensana. Empeza a traballar como docente no Coléxio Villar, e ao mesmo tempo prepara as oposicións de auxiliares de Contabilidade. No ano 1920 publica o seu primeiro artigo no diário agrarista de Basílio Álvarez La Zarpa, sobre o tema do ferrocarril Ourense-Zamora.Trasládase a Madrid para opositar a unha praza de Auxiliares de Contabilidade. Prepara as oposicións no instituto Reus, completando a sua formación xurídica e económica con periódicas vistas ao Ateneo. No ano 1923 aproba as oposicións co número un.
ACTIVIDADE POLÍTICA: O PARTIDO GALEGUISTA E O ESTATUTO DE AUTONOMIA
En abril de 1931 forma parte da ponéncia do S.E.G., xunto con Vicente Risco, Luís Tobío, Ricardo Carballo Calero e Valentín Paz-Andrade, que elaborou o Anteproxecto de Estatuto de Galiza, traballo que foi editado en Pontevedra en maio dese mesmo ano. Como anexo do anteproxecto figura o Estudo económico-fiscal elaborado por Bóveda.
En maio de 1931 participa na criación do Partido Galeguista de Pontevedra xunto con Castelao, Cabanillas e Núñez Bua, entre outros.
O 5 e 6 de decembro de 1931 fúndase en Pontevedra o Partido Galeguista e Bóveda é elixido Secretario de Organización. Participa na redacción do programa do Partido, especialmente no apartados económicos; elabora persoalmente o título VII, referido ao "Rexime Fiscal".
En xullo de 1932 participa na Asemblea pro-estatuto de Santiago. Bóveda é elixido membro da comisión redactora do anteproxecto de Estatuto, que haberia de ser o texto definitivo.
Entre o 17 e o 19 de decembro de 1932 celébrase en Santiago a Asemblea de Municipios para debater o anteproxecto de Estatuto, acto no que Bóveda ten un papel moi activo. O 19 de decembro celébrase a II Asemblea do P.G., na que Bóveda é reelixido Secretário de Organización.
A comezos de 1933 é elixido membro do Comité Central da Autonomia, organismo presidido por Bibiano-Fernández Osorio Tafall. Ao longo de 1933 desenvolve un intenso traballo con mítines en toda Galiza na campaña a favor do Estatuto.
O 20 de outubro de 1934 publícase unha Orde Ministerial impóndolle o destino administrativo forzoso á Delegación de Facenda de Cádiz e o 30 de novembro deste mesmo ano toma posesión do seu novo destino. En outubro de 1935, despois de case un ano de desterro, retorna a Galiza cunha praza na delegación de facenda de Vigo.
Nos primeiros meses de 1936 participa activamente na campaña das lexislativas de febreiro, ás que concorre como candidato da Frente Popular pola província de Ourense.
O 17 de maio participa como representante do Partido Galeguista na Asemblea na que se ha fixar a data do plebiscito do Estatuto. Ao longo do mes de xuño participa activamente na campaña do Estatuto, durante a cal dá mítines por toda Galiza.
O 28 de xuño é aprobado o estatuto en referendo popular, co voto favorábel do 73% do censo. En 1948, no exílio americano, Castelao dirá: "cando Galiza encarou seriamente a conquista do seu Estatuto, a laboura de Bóveda asombrounos a todos e obrigounos a traballar rexamente. E ben se pode decir que a maor parte do realizado naquele intre debéuselle esclusivamente a Bóveda".
ALEXANDRE BÓVEDA, EXEMPLO DE HONESTIDADE E ENTREGA Á CAUSA DE GALIZA.
Ao longo da sua traxectória humana e política, Alexandre Bóveda puxo sempre o interese supremo de Galiza por diante de intereses persoais e partidistas. Por este motivo, cando se vai cumprir o centenario do seu nacemento, o seu nome debe ser recordado como símbolo da honestidade e da toleráncia, e a sua memória preservada como exemplo sobre o construir un futuro de progreso e convivéncia pacífica

1 comentario:

Anónimo dijo...

O cadávre de Alexandre non pudo ser enterrado coa bandeira galega tal coma el pedira ao tribunal que o axuiciara. Terminou cunha pequena bandeira debaixo da chaqueta, xa semente e non cadavre, ensanguentada. Cosida a toda velocidade pola irmá da virxe do Rosario (Chariño) que está na capela do museo arqueolóxico de San Antón en A Coruña, Pepita Novás, e metida no peito por “sestiño”. Pepita a tía e “sestiño”, tía e pai do actual ministro de cultura da República Bolivariana de Venezuela.

Eis a historia dos derradeiros momentos da semente que todos debemos ter cravada no corazón, coma o cravo que unha vez tivo Rosalía.

Alexandre Bóveda un bo e xeneroso do que aprender acotío. Encarou a morte con mil palabras e a vida cunha idea: Galiza.