
O neno Ramón Otero criouse no seo dunha familia culta e liberal. Seu pai fora defensor de Curros fronte ás inquinas da reacción conservadora local e a súa casa sobre todo a de Ourense, na Rúa da Paz- era centro de tertulias polo que pasaron a Pardo Bazán e outras destacadas figuras da intelectualidade galega do solpor do XIX.
Otero naceu nunha rúa que era daquela o centro do paseo dos señores na cidade e ó lado do Teatro Principal, núcleo da actividade cultural dunha cidade de forte fasquía rural que contaba daquela cuns doce mil habitantes. Na súa mesma casa, no primeiro, naceu e criouse o neno Vicente Martínez-Risco e Agüero. A súa amizade e mútua influencia intelectual será permanente ó longo da vida dos dous máis destacados membros da Xeración Nós.
Ramón cursa o bacharelato no Instituto de Ourense que hoxe leva o seu nome no Xardín do Posío- e trala ceda morte de seu pai pasa a Santiago para segui-los estudios de Filosofía e Letras que ha rematar en Madrid. Na capital española, onde el acudira devecente de acadar unha definición e formación intelectual conforme ós tempos, le tan intensa como asistemáticamente obras de xeografía, historia, filosofía e literatura. As lecturas literarias que máis o cobizan son as de Baudelaire, Verlaine, Balzac, Stendhal e Chateubriand. Esta etapa de tanteos e indecións sobre o futuro intelectual e o seu compromiso co mundo exterior sería maxistralmente recreada na súa novela "Arredor de si".De volta en Ourense en 1911 intégrase non grupos dos "inadaptados" no que participan Vicente Risco e Florentino Cuevillas. Os tres, amigos desde moi noviños, habían seguir evolucións intelectuais semellantes, traballando en empresas colectivas como o Ateneo ou a revista La Centuria e pasando dun acentuado individualismo antisocial a un compromiso galeguista na súa etapa de madurez. Sen embargo tamén se poden recoñecer matices importantes nesta evolución. O que para Risco fora unha reviravolta intelectual, fora para Otero unha descuberta case dolorosa. Risco achégase desde o problema da esencia dunha cultura devecente e Otero desde o solpor dun sistema social que se descompón. Castelao e outras persoas que coinciden xeracionalmente co grupo Ourensán ó que cinguimos en purirdade o nome de Nós- hase achegar ó galeguismo desde a descuberta dos problemas sociais que conleva a ausencia dun poder especificamente galego para a resolución dos problemas que trae consigo a nova sociedade que se espalla cos ventos do século XX.
A evolución desde este esteticismo evasivo dos anos mozos deste grupo xeracional ten na amizade de Antón Lousada Diéguez o seu desencadeante principal. Lousada, señorito con Pazo en Moldes, Carballiño, intelectual, conservador e católico, descúbrelle-la posibilidade de comprosimo co país a través da actividade inicial das Irmandades da Fala. No seu seo avoga Otero por un compromiso de corte culturalista. Coñecedor da febleza organizativa e escasa penetración social dos inicios do movemento, desconfía da súa entrada na area política. Incorpórase de inmediato ás actividades do Seminario de Estudios Galegos en 1923. Coa chegada da II República consegue acta de deputado por Ourense por un coxuntural Partido Nacionalista Republicano que axiña se ha integrar, xunto con outras forzas locais, no Partido Galeguista. Desde o seu escano nas Cortes de 1931 defenderá a fórmula federal para o Estado e a confesionalidade do mesmo. Claramente Otero foi máis un intelectual que nun momento da súa vida debeu de asumir tamén un compromiso político organizado ca un político vocacional. O principal da súa obra literaria foi escrito entre a segunda metade da década dos vinte e a primeira dos trinta. Do autor, que xa pasaba dos corenta anos, pódese dicir que se achega á literatura galega iniciando a súa plena madurez.
A pouco de estoura-la Guerra Civil é deposto da súa cátedra do instituto de Ourense. Gracias á súa bastante desafogada situación económica casa de seu en Ourense e Pazo en Trasalba con terras arrendadas a caseiros- e a non ter detrás unha familia que manter non ten fillos, serán logo só a súa nai, a súa muller e el- pode permitirse unha retirada ó seu Pazo que se converitirá nun refuxio do exilio interior, e convírtese el mesmo nun símbolo vivo da resitencia cultural ante o totalitarismo franquista, recibindo o alcume de "Patriarca das Letras Galegas".
Como tal visita América en 1947 nunha viaxe que supón o reencontro do galeguismo exiliado en Bos Aires co galeguismo resistente do interior.
Otero que sempre se negou a solicitar o reingreso no corpo de Catedráticos de Bacharelato pois era consciente de que nunca solicitara a súa baixa- opositou en 1950 á Cátedra de Xeografia da Universidade de Santiago e cesou oito anos despois ó se xubilar.
Nese mesmo ano 1950 pasará a ser Director da Editorial Galaxia, transmutación do galeguismo político da preguerra adaptándose ás posibilidades de traballo, estrictametne culturais outra forma de actividade política, aínda que indirecta- neses anos da longa noite franquista.
En 1959 volve viaxar de novo a Bos Aires onde é acollido polo galeguismo bonaerense coa máxima das calores humanas e amosado á intelectualidade arxentina como expoñente da Galicia consciente de si mesma.Pola galería do seu Pazo de Trasalba ou pola camilla da súa casa da Rúa da Paz en Ourense pasarán nos anos seguintes novas promocións de persoas interesadas pola cultura da Terra. Otero, ata a súa morte en 1976, terá sempre unha verba ilusionada e optimista e un compromiso de permanente colaboración con canta inIciativa permita desenvolver a idea dun futuro mellor e distinto para Galicia.